PREGÓN CORESMAL

Esperta! Comeza a Coresma.
Esperta! Comezan corenta días de oportunidade.
Esperta! Vive este tempo en camiño, sen instalarte, sen retelo.
Esperta! Pon un calzado apropiado e revístete de moita paciencia contigo mesmo.
Esperta! Alixeira a equipaxe, entra convencido no deserto e camiña con paso lixeiro.
Esperta! Despexa a túa mente, abre o teu corazón.
Esperta! Énchete de esperanza e do optimismoque dá ás e fai crecer.
Esperta! Comeza a Coresma.

Nesta Coresma dáte tempo para traballar a túa mirada,
para poñer os ollos fixos noutro tempo, a Pascua, un tempo definitivo;
enche de tenrura e de misericordia as túas entrañas,
deixa que o Deus que todo o converte e dignifica no amor,
te converta e e te ame sen medida.

Nesta Coresma déixate mexer pola brisa do Espírito de Deus:
pon o teu corazón en sintonía cos seus latexos e berra o berro dos aflixidos,
bebe da Palabra, da reconciliación, da oración persoal e comunitaria
e non te deixes enganar polos espellismos do deserto.

Nesta Coresma baixa de onde esteas aos camiños da vida,
baixa sen medo e déixate sorprender polo misterio de cada persoa e acontecemento.
Vive ben esperto, camiña só pero tamén en comunidade,
abastécete de moita fe, de moita esperanza e de máis amor.

Nesta Coresma practica o xaxún verdadeiro,
ese que afasta do consumismo, da crítica e da indiferenza;
suaviza o teu corazón de pedra e dá paso á sensibilidade,
á tenrura, á compaixón e á indignación tinguida de propostas.

Nesta Coresma practica o perdón e a reconciliación,
déixate acoller e abrazar, perdoar e pacificar;
pecha a porta á tristura e ao desencanto
e abre todas as ventás da túa casa ao sol que nace do alto
e que nos fala de ilusión, de beleza e de solidariedade compartidas.

Nesta Coresma aproveita e dedica tempo para espertar á conversión,
para optar ante as tentacións, para descubrir ante a transfiguración,
para saciar a sede como a samaritana,
para ser como o cego de nacemento,
para vivir como Lázaro e para entregarte como Xesús.

É tempo de Coresma, é o teu tempo. Aprovéitao!
Bo camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario