DEPARTAMENTO DE PASTORAL COLEXIO LA INMACULADA (MARÍN) Nun mundo cheo de interrogantes e de crise e porque estamos chamados a vivir de acordo con aquilo que cremos, queremos anunciar, de modo renovado, a novidade transformadora da Boa Nova de Xesús a toda a comunidade educativa, dende o carisma vicenciano, coma proxecto de vida persoal e comunitario, e coma un compromiso pola xustiza e cos máis pobres.
FELIZ ANO 2013
ORACIÓN DO ANO NOVO
Grazas señor por todo canto me deches no ano que remata.
Grazas polos días de sol e os anubrados, polas tardes tranquilas e as noites escuras.
Grazas polo que nos prestaches e logo nos pediches.
Grazas, Señor, polo sorriso amable e pola man amiga, polo amor e todo o fermoso, por todo o doce, polas flores e as estrelas, pola existencia dos nenos e das persoas boas.
Grazas pola soidade e polo traballo, polas inquedanzas e as dificultades, polas bágoas, por todo o que nos achega a ti.
Grazas por conservarnos a vida, por darnos teito, abrigo e sustento.
Que nos traerá o ano que comeza?
O que quieras, Señor, pero pedímosche:
FE para mirarte en todo.
ESPERANZA para non desfalecer.
CARIDADE para amarte cada vez máis e facerte amar polos que nos rodean.
Dános paciencia, humildade, desprendemento e xenerosidade.
Dános, Señor, o que Ti sabes que nos convén e non sabemos pedir.
Que teñamos un corazón alerta, o oído atento, as mans e a mente activos e que nos achemos sempre dispostos a facer a túa vontade.
Derrama Señor a túa graza sobre todos os que amamos e concede a túa paz ao mundo enteiro.
Así sexa....
SEMENTADORES DE ESTRELAS
As estrelas simbolizan a felicitación agradecida que os nosos nenos misioneiros queren transmitir a todo o pobo de Marín
Estamos afeitos a que nos pidan diñeiro, co peto dos diferentes movementos solidarios, e ás veces cústanos aceptar que nos poñan na lapela unha pequena estrela. Algúns sorrín sorprendidos e queren dar algo; a sorpresa é maior ao dicirlles que é un xesto gratuíto.
Por iso, nenos, mozos, catequistas e profesores de JMV do Colexio La Inmaculada reunirémonos o vindeiro 24 de decembro, ás 12 da mañá. Tras a oración de envío na capela, sairemos ás rúas de Marín e felicitaremos o Nadal a todas as persoas que atopemos ao noso paso, para recordarlles o verdadeiro sentido do Nadal e anunciar que XESÚS NACE.
Remataremos no Comedor Benéfico, onde cantaremos uns vilancicos para felicitar a todos aqueles que non teñen a mesma sorte ca nós e para anunciarlles que Xesús tamén nace para eles.
Estades todos invitados a participar, nenos e non tan nenos, de 0 a 100 anos. (Se alguén vén dentro da súa mamá ou se anima a participar con máis de 100, darémoslle unha especial acollida) ... Os que esteades a esas horas polas inmediacións da alameda, xa nos oiredes (e ben!!!!!). BO NADAL
EUCARISTÍA DE NADAL DA COMUNIDADE EDUCATIVA
Hoxe, 20 de novembro, tivo lugar unha Eucaristía da
Comunidade Educativa para celebrar a chegada do Nadal e na que nenos e
nenas de Infantil, Primaria e ESO fixeron que sentiramos a ilusión por
celebrar estes días tan especiais.
Pois si, chegou o día da gran Celebración de Nadal, como anticipo ao acontecemento do 25 de decembro e como broche final do longo trimestre, cheo de luces e ilusións. Fillas da Caridade, pais, profesores, alumnos, catequistas e persoal do centro sentímonos convocados para celebrar este fermoso e vital acontecemento. Foi un momento entrañable e de unión de toda a Comunidade Educativa.
BO NADAL
ESTAMOS TODOS INVITADOS A CELEBRAR A VIDA
Preparémonos para celebrar o NADAL |
...Xa o sabedes!!! O vindeiro xoves 20 de decembro celebraremos unha EUCARISTÍA DE PREPARACIÓN DE NADAL PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA do noso centro. Será ás 17.00 h no salón de actos do colexio.
Estades todos invitados: alumnos, profesores, pais, avós, persoal do colexio, catequistas...
Celebremos que Xesús nace!!! Nace a VIDA!!!!
SEXAMOS LUZ QUE LEVE A XESÚS |
ESTAMOS TODOS INVITADOS A CANTAR Á VIDA!!!
PREPARAD EL CAMINO AL SEÑOR
XESÚS XA CHEGA ... PREPARA O TEU CORAZÓN
Querido Amigo:
Ola, ámote moito. Como saberás, estámonos a achegar outra
vez á data en que festexan o meu nacemento.
O ano pasado fixeron unha gran festa na miña honra e dáme
a impresión de que este ano acontecerá o mesmo. A fin de contas levan meses
facendo compras para a ocasión e case todos os días saen anuncios e avisos
sobre o pouco que falta para que chegue!
A verdade é que se pasan da raia, pero é agradable saber
que polo menos un día do ano, pensan en min. Transcorreu xa moito tempo de
cando comprendían e agradecían de corazón o moito que fixen por toda a
humanidade.
Pero, hoxe en día, dá a impresión de que a maioría da
xente apenas sabe por que motivo se celebra o meu aniversario.
Por outra banda, gústame que a xente se reúna e o pase
ben e alégrame sobre todo que os nenos se divirtan tanto; pero aínda así, creo
que a maior parte non sabe ben de que se trata. Non che parece?
Como o que sucedeu, por exemplo, o ano pasado: ao chegar
o día do meu aniversario, fixeron unha gran festa; pero, podes crer que nin
sequera me invitaron? Imaxínate! Eu era o convidado de honra! Pois
esquecéronse por completo de min!.
Resulta que estiveran a prepararse para as festas durante
dous meses e cando chegou o gran día deixáronme á marxe. Xa me pasou tantas
veces que o certo é que non me sorprendeu.
Aínda que non me invitaron, ocorréuseme coarme sen facer
ruído. Entrei e quedei no meu recuncho. Ninguén advertiu sequera a miña presenza,
nin se decataron de que eu estaba alí!
Estaban a beber todos, rindo e pasándoo en grande, cando
de pronto se presentou un home gordo vestido de vermello e barba branca
postiza, berrando: " ho, ho, ho! ".
Avanzou entre os presentes, mentres todos o felicitaban. Cando
sentou nunha gran cadeira de brazos, todos os nenos,emocionadísimos, se lle
achegaron correndo e dicindo: Santa Claus! Como se el tivese sido o
homenaxeado e toda a festa fose na súa honra! Aguantei aquela "festa"
ata onde puiden, pero ao final tiven que irme. Camiñando pola rúa sentinme
solitario e triste. O que máis me asombra de como celebra a maioría da xente o
día do meu aniversario é que en vez de facerme regalos, obséquianse cousas uns
a outros! e para colmo, case sempre son obxectos que nin sequera lles fan
falta! Vouche facer unha pregunta: A ti non te parecería estraño
que ao chegar o teu aniversario todos os teus amigos decidiran celebralo
facéndose regalos uns a outros e non te desen nada a ti? Pois é
o que me pasa a min cada ano! Unha vez alguén me dixo: "É que ti non
es como os demais, a ti non se te ve nunca; Como é que che imos facer regalos?
". Xa te imaxinarás o que lle respondín. Eu sempre dixen "Pois
regala comida e roupa aos pobres, axuda aos que o necesiten. Vai visitar os
orfos, enfermos e aos que estean en prisión! ". Díxenlle:
"Escoita ben, todo o que regales aos teus semellantes para aliviar a súa
necesidade, contareino coma se mo tiveses dado a min persoalmente! "
(Mateo 25,34-40).
E pensar todo o ben e felicidade que poderían levar ás
colonias marxinadas, aos orfanatos, asilos, penais ou familiares dos
presos. Lamentablemente, cada ano que pasa é peor. Chega o meu aniversario
e só pensan nas compras, nas festas e nas vacacións e eu non pinto para nada en
todo isto. Ademais, cada ano, os regalos de Nadal, piñeiros e adornos son máis
sofisticados e máis caros, gastan verdadeiras fortunas tratando con isto de
impresionar ás súas amizades. Isto sucede inclusive nos templos. E pensar
que eu nacín nun presebe,...
Agradaríame moito máis nacer todos os días no corazón dos
meus amigos e que me permitisen morar aí para axudarlles cada día en todas as
súas dificultades, para que poidan palpar o grande amor que sinto por todos;
porque non sei se o sabías, pero hai 2 mil anos entreguei a miña vida para
salvarte da morte e mostrarche o grande amor que te teño. Por iso o que
pido é que me deixes entrar no teu corazón. Levo anos tratando de
entrar, pero ata hoxe non me deixaches. "Mira eu estou chamando á porta,
se alguén oe a miña voz e abre a porta, entrarei na súa casa e cearemos
xuntos,". Confía en min, abandónate en min. Este será o mellor
regalo que me poidas dar.
Grazas.
O teu amigo, Xesús
Fonte: Acidigital
10 DECEMBRO, DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS HUMANOS E OPERACIÓN QUILO
Porque en Nadal, todos merecemos ter. Ou, polo menos, todos merecemos comer. Por iso, un ano
máis, o noso colexio organiza a "Operación Quilo", que recada
comida para doarlla ao comedor benéfico das Fillas da Caridade e das
Voluntarias (AIC).
E presentamos esta iniciativa no Día dos Dereitos Humanos, día que presenta, cada ano, a oportunidade de avogar por que todas as persoas gocen dos dereitos fundamentais alá onde se
encontren.
E hai algún dereito máis fundamental que o de ter un prato de comer cada día?
O dereito humano máis elemental contido na Declaración
Universal, "o dereito a alimentarse" é, por desgraza, letra morta en
moitos dos países do mundo. Pero non podemos deixar que tamén o sexa entre os
nosos veciños. Por iso, temos que poñernos mans á obra.
Cun pouquiño de cada un, chegamos a moito. Un 'moito' que chega a converterse no 'todo' das persoas máis necesitadas. Parece doado, non?
Cun pouquiño de cada un, chegamos a moito. Un 'moito' que chega a converterse no 'todo' das persoas máis necesitadas. Parece doado, non?
No día da Inmaculada, recordámoste, Sor Merchán
Toda a
Comunidade Educativa das Fillas da Caridade de Marín está de loito tras o
falecemento, na madrugada do 6 de decembro, da que foi superiora do Colexio La
Inmaculada, sor Antonia Merchán
Sor
Merchán levaba doce anos residindo no noso colexio, vivindo entre nós e
compartindo moitas alegrías, bos e malos momentos.
En palabras de Sor Manuela, sor Merchán «Era unha
auténtica Filla da Caridade, preocupábase moitísimo pola comunidade, pola vida
espiritual das irmás, e foi moi valente, tiña moita fe». E non só se preocupaba
polas irmás, tamén o facía polo resto da comunidade, alumnos, profesores,
persoal non docente, familias, … Achegábase a cada un de nós con palabras
tenras e amables, con xestos sinxelos e decididos.
Sor Merchán faleceu tras unha dura e longa batalla contra
un cancro, pero nunca perdeu a súa forza que lle viña dunha gran fe en Deus.
O
recordo de sor Merchán permanecerá por sempre, porque ela soubo buscar a Gloria
e porque tamén soubo amar. Amou a Deus; amou á súa vocación: servir a Deus nos
pobres; amou a súa profesión: a docencia; amou as súas irmás; amou o seu
traballo e amou a vida. Ás persoas coñéceselles polas súas obras. Aí quedan as
de Sor Merchán e aí queda o seu exemplo.
Hoxe, na
Festa da Inmaculada Concepción, sabemos que por fin descansas xunto a o Pai,
abrigada no colo da nosa Nai, María, á que sempre te encomendabas e que tan
importante foi para ti durante toda a túa vida.
Grazas,
Sor Merchán, por unha vida de sacrificio e exemplo para todos nós
Suscribirse a:
Entradas (Atom)